martes, 13 de marzo de 2012

Ideaspropias na Noite da edición

Martes, 13 de marzo de 2012. A nosa compañeira María Costa, técnica de contidos e xestora de redes sociais, estivo o pasado sábado na Noite da Edición da Asociación Galega de Editores. Hoxe comparte con todos nós todo o que sucedeu na gala.


O pasado día 9 de marzo celebrouse en Santiago de Compostela a Noite da Edición, na que se premiou aos mellores libros, autores e iniciativas do exercicio editorial pasado en diferentes categorías. Iria Pinheiro, acompañada polo acordeonista Alberte Rodríguez e o contrabaixista Alonso Caxade, foi a mestra de cerimonias que dinamizou de forma maxistral esta gala cultural celebrada en A Quinta da Auga.



Agustín Fernández Paz pola súa novela Non hai noite tan longa editada por Xerais; Xesús Couceiro; Xavier Queipo; a obra gráfica de Conde Corbal publicada por Nova Galicia Edicións; OQO Editorial pola súa transformación de álbums ilustrados nas series de animación audiovisual Os conto do camiño e Caracois; Ás mulleres en Galicia non século XX, publicada por Ir Indo; Contos por teléfono, de Kalandraka Editora; ou a tradución de Ramón G. Esquerdo, de Sonetos de Shakespeare, editado por Xerais, foron algún dos premiados nesta noite.

Tamén se rendeu homenaxe a dúas grandes figuras da cultura galega: Isaac Díaz Pardo, recentemente falecido, e Carlos Casares, pois cúmprense dez anos do seu falecemento. A Asociación Galega de Editores proxectou dous vídeos homenaxe, patrocinados por GADIS e realizados por Illa Bufarda, empresa multimedia de recente creación liderada por dous novos talentos do audiovisual galego, á que, sen dúbida, lles auguramos unha traxectoria chea de éxitos.

María Costa Vázquez

No hay comentarios: